Picasso. La muchacha de los pies descalzos. Musée Picasso,París. © Sucesión Pablo Picasso, VEGAP, Madrid, 2015. © RMN-Grand Palais / Mathieu Rabeau / Adrien Didierjean

 

 

BIOGRAFÍA
OS SEUS MESTRES
A CORUÑA 1891–1895
A CORUÑA HOXE

 

A CORUÑA HOXE
A Coruña, que xa na época de Picasso era unha cidade puxante, experimentou ao longo do século XX un desenvolvemento espectacular. Sen perder a súa identidade, nestes anos multiplicou os seus atractivos e consolidouse como unha das urbes máis interesantes do norte peninsular.

Non só non se perderon as galerías, como nalgún momento temeu Picasso, senón que a singular arquitectura coruñesa segue sendo un dos grandes activos da cidade. Algúns dos mellores lugares para contemplala son o contorno da praza de Lugo —onde vivía o artista coa súa familia— ou a recentemente renovada dársena da Mariña, un espazo idóneo para gozar dun agradable paseo a pé ou en bicicleta ao pé do mar. Tamén perfecto para percorrer a cidade vella.

A Torre de Hércules, a torre de caramelo pintada por Picasso, que xa daquela era o monumento máis destacado da cidade, foi recoñecida en 2009 como Patrimonio da Humanidade. É un lugar ao que ningún visitante debería deixar de acudir: a súa proximidade ao centro, as espectaculares vistas, o parque de esculturas ao aire libre ou as posibilidades para practicar deporte, convértena nun enclave único.

As praias de Riazor e o Orzán, antano favoritas de Picasso, continúan sendo populares lugares de esparexemento, moi frecuentados tanto polos coruñeses como polos visitantes. As dúas foron galardoadas coa bandeira azul, ao igual que a veciña praia do Matadoiro. Esta última é, ademais, un spot apreciado por surfistas e bodyboarders, mentres que o paseo marítimo é lugar de adestramento habitual para multitude de corredores afeccionados.

As posibilidades de practicar deporte e de gozar de competicións de primeiro nivel son innumerables na Coruña. As citas deportivas con grande arraigamento como o fútbol, o hóckey, a natación en mar aberto ou traiñeiras, fóronse sumando outras. As probas internacionais de maratón e marcha, ambas en circuíto urbano, espertan grande expectación ano tras ano entre afeccionados e curiosos. Incorporacións máis recentes, como o tríatlon, que vai gañando adeptos, poñen de manifesto a paixón dos coruñeses pola actividade física.

Tamén os amantes da cultura teñen á súa disposición unha amplísima oferta. A Coruña sempre soubo gozar dos espectáculos, en particular da música. A Orquesta Sinfónica de Galicia, con sede no Palacio da Ópera, ofrece unha interesante programación na que é habitual a presenza de prestixiosos solistas e directores invitados. A tempada de ópera, única en Galicia, conta xa cunha longa tradición e suma afeccionados ano tras ano.

Pero non todo se reduce á música clásica: jazz, pop-rock, folk, teatro, musicais, danza, espectáculos infantís... teñen cabida na programación cultural da cidade. Recintos de corte clásico, como o precioso Teatro Rosalía de Castro e o Teatro Colón, ou máis funcionais, como Palexco ou Expocoruña, ofrecen ao longo do ano propostas para todos os gustos.

Se en tempos de Picasso os pintores exhibían as súas obras nos escaparates de establecementos comerciais, hoxe a cidade conta con galerías, salas de exposicións e museos, cuxa oferta abrangue desde a arqueoloxía ou a arte sacra ata as instalacións e a arte conceptual.

No ámbito cultural, merecen unha mención especial as casas museo, coma a do propio Picasso, a da súa coetánea Emilia Pardo Bazán (hoxe sede da Real Academia Galega), Casares Quiroga ou María Pita, xa que permiten coñecer a biografía dalgúns dos personaxes relevantes da historia local e á vez recrean a atmosfera da vida cotiá en épocas pasadas.

Tanto os nenos coma as persoas curiosas, sexa cal sexa a súa idade, atoparán irresistibles os museos científicos coruñeses (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, Casa das Ciencias, Domus, Acuarium Finisterrae), valiosos recursos de ocio educativo onde entretemento e aprendizaxe van á par. Co lema «Prohibido non tocar» por bandeira, neles invítase á interacción, a experimentar por un mesmo.

Nunha cidade coma esta, onde a xente é sociable e ruar é forma de ocio, o comercio e a hostalería locais, sempre dinámicos, contribúen a que o ambiente do centro permaneza vivo, ofrecendo mil e unha propostas tentadoras. Grandes firmas que son un referente a nivel estatal e incluso mundial conviven con pequenos negocios familiares, algúns centenarios, outros apenas empezando; e entre todos tecen a alma desta cidade, que non deixa de latexar nin de día nin de noite.

A gastronomía é un valor en alza ao que convén estarmos atentos. A Picasso encantábanlle os percebes, que coñecera na Coruña, pero a oferta vai moito máis alá do marisco. Ademais de innumerables bares de tapas, tradicionais ou creativas, cada vez son máis os restaurantes recoñecidos pola calidade do seu produto ou a orixinalidade das súas preparacións.

Nunha ocasión, Picasso definiu A Coruña como «a cidade máis divertida do mundo». Talvez sexa unha esaxeración, pero o certo é que os atractivos da cidade son moitos, por que perderse algún?


>
  • >