A Coruña que coñeceu Picasso era unha cidade puxante que estaba experimentando un rápido crecemento. Con case 40.000 habitantes, convertérase na cidade máis poboada de Galicia. A mediados de século derrubáranse as murallas que pechaban a cidade alta (actual cidade vella), o núcleo principal da cidade, para favorecer a conexión coa Peixería e o desenvolvemento da urbe, e nos oitenta xa se estaba planificando o ensanche. Nesa zona nova, aínda a medio construír, nun piso de aluguer da rúa Paio Gómez, instalouse a familia Ruiz Picasso á súa chegada en 1891.
A cidade alta ocupábana principalmente edificios relixiosos e militares, mentres que na Peixería convivían vivendas, fábricas e establecementos comerciais. Despexárase o terreo na praza de María Pita, aínda que a súa configuración era daquela moi diferentes da actual, con apenas unha ducia de casas construídas. O concello tiña a súa sede no antigo convento de Santo Agostiño, anexo á igrexa de San Xurxo e antes estivera na rúa da Franxa.
O nome de Peixería non é casual: corresponde a un estreito istmo entre mares onde tiña lugar moita actividade relacionada coa pesca, tanto no ventoso Orzán coma na Mariña, moito máis abrigada.
As galerías da Mariña xa existían, en case a súa totalidade, cando os Ruiz Picasso chegaron á Coruña. Instalar galerías nas vivendas era un costume que se estendera na cidade desde mediados de século, como sucedeu en Betanzos, Pontedeume ou Ferrol. Tamén na casa de Paio Gómez as había. A Picasso quedáronlle gravadas na memoria e moitos anos despois preguntaría por elas ao seu amigo, o xornalista Olano.
As rúas Real e Santo André eran as principais vías de comunicación entre a parte antiga e as saídas da cidade. Tamén eran dúas importantes rúas comerciais que aglutinaban algúns dos cafés máis coñecidos, como o Suizo, o Café de Puga, o Universal ou o Café Restaurant, e tamén os mellores comercios, nos que se ofrecían todo tipo de mercadorías anovadoras. Alí estaban, entre outros, a Farmacia Villar, Fotografía Sellier, a Papelería de Ferrer, a tenda de música de Canuto Berea ou a Librería Rexional de Carré Aldao. Daquela era habitual que os pintores locais exhibisen as súas obras nos comercios da rúa Real coa esperanza de vendelas. Non o facían só principiantes, como o mozo Picasso, senón tamén pintores consagrados como José Ruiz Blasco, pai de Picasso, ou Román Navarro, ambos os dous profesores na escola de Belas Artes da cidade.
Os buliciosos postos de mercado instalábanse nas prazas de Lugo, Santa Catalina e Santo Agostiño, xa que aínda non existía un edificio destinado a mercado fixo. Gran parte dos alimentos que se vendían, sobre todo froitas e verduras, procedían do veciño concello de Oza. Tamén o peixe, procedente da pesca artesanal de baixura, se obtiña en lugares moi próximos.