Pablo Ruiz Picasso era un neno de 9 anos cando chegou á Coruña en 1891. Aínda que só pasaría aquí tres anos e uns meses, este ía ser un período decisivo na súa vida.
O seu pai, José Ruiz Blasco (1838-1913), acaba de obter unha praza de profesor na recentemente aberta Escola de Belas Artes da Coruña e trasladouse aquí xunto á súa esposa, María, e os seus fillos Pablo, Lola e Conchita. Pablo, que era o maior dos tres, mostraba certa habilidade para o debuxo e a pintura.
Nesa época, Ruiz Blasco era xa un home maduro. Pasaban os anos e o éxito resistíaselle; levaba tempo exercendo como profesor e conservador en Málaga, en postos mal pagados, e non gozaba de demasiado recoñecemento como pintor, aínda que lograba vender algúns cadros. Desde había algún tempo aspiraba a un traslado que lle permitise mellorar a súa posición e por fin o conseguira.
A familia instalouse nun piso no número 14 da rúa Paio Gómez. A casa estaba nunha zona nova onde aínda había poucos edificios construídos. Diante da vivenda dos Ruiz Picasso estaba o chalé do doutor Pérez Costales, un amigo da familia. Pérez Costales fora ministro na Primeira República e era unha persoa moi coñecida na cidade.
Para o mozo Pablo, o traslado á Coruña supuxo en certo sentido unha liberación. Lonxe da tutela da súa avoa e das súas tías, que en Málaga vivían coa familia, e vixiado de lonxe só pola súa nai, divertíase xogando cos seus amigos na praza de Pontevedra, Riazor ou no monte de Santa Margarita. Algunhas das súas diversións favoritas eran saltar ondas na praia, perseguir gatos, pelexarse a pedradas ou xogar a tourear.
O ano da súa chegada matriculouse no Instituto Provincial de Segundo Ensino. Non foi un bo estudante: nas aulas entretíñase facendo garabatos nos libros de texto e mirando as ondas pola ventá, e as súas notas foron mediocres. Castigábano adoito pechándoo nun cuarto, tempo que el aproveitaba para debuxar.
Ao ano seguinte matriculouse tamén na Escola de Belas Artes, que compartía edificio co instituto. Alí tivo como mestres, ademais do seu pai, artistas destacados, como Isidoro Brocos ou Román Navarro. En Belas Artes as súas cualificacións foron moito mellores ca no instituto.
Consérvanse numerosas pezas académicas realizadas por Picasso, varias delas copiadas de láminas e outras realizadas a partir de modelos de xeso que había na escola, algúns dos cales aínda se conservan. Na exposición móstranse unha selección destas pezas e os seus modelos.
Os pais de Picasso apoiaron en todo momento a súa vocación artística. Regaláronlle álbums de debuxo, matriculárono en Belas Artes e pagaron unha nena para que fose a súa modelo en A rapaza dos pés descalzos. Ruiz Blasco, consciente do talento do seu fillo, adoitaba requirir a súa colaboración para rematar os seus propios cadros, pedíndolle que o axudase con detalles como as patas das pombas, animais que pintaba adoito.
Na Coruña, Picasso afeccionouse a saír á rúa a pintar do natural. Xa daquela era un artista prolífico, que deixaba constancia de todo o que o rodeaba. Pintou a Torre de Hércules, o mar do Orzán, o monte de Santa Margarita e unha estampa rural de San Roque de Fóra, entre outros lugares da cidade. Tamén creou unhas revistiñas tituladas Azul y Blanco e A Coruña, nas que refería anécdotas e sucesos locais.
Na Coruña estreouse como retratista: pintou os membros da súa familia e mesmo o seu can Clíper. Retratou tamén a Pérez Costales e o seu fillo Modesto Castilla. Tamén se debuxou a si mesmo: os seus primeiros autorretratos coñecidos fíxoos aquí.
Impulsada por Pérez Costales, na Coruña tivo lugar, en febreiro de 1895, a primeira exposición de Picasso, que recibiu críticas eloxiosas en La Voz de Galicia. Foi no número 20 da rúa Real, un establecemento de venda de mobles. Descoñécense exactamente os cadros que exhibiu, pero poderían ser tres estudos de cabeza dun mesmo modelo, un mendigo barbudo.
Tamén aquí realizou a súa segunda exposición, esta vez no número 54 da rúa Real, nunha tenda de paraugas. Nesta ocasión exhibiu o óleo O home da gorra. Picasso conservou esta obra no seu poder durante toda a súa vida.
Durante este tempo asinaba habitualmente as súas obras como «P. Ruiz». Ata comezos do século XX non usaría o apelido materno, Picasso.
A irmá pequena de Picasso, Conchita, enfermou de difteria e finou logo de pouco tempo, en xaneiro de 1895. O doutor Pérez Costales atendeuna, pero non puido salvar a súa vida. Foi un golpe moi duro para a familia.
Poucos meses despois do suceso, os Ruiz Picasso abandonaron A Coruña. Cabe supoñer que entre os motivos que impulsaron a Ruiz Blasco a tomar esta decisión están o falecemento da súa filla, as disputas internas na Escola de Belas Artes e as malas críticas que recibían as súas obras, a diferenza das de Pablo, que xa apuntaba un futuro prometedor.
A familia abandonou A Coruña en abril de 1895. Ruiz Blasco conseguira unha praza na Llotja en Barcelona, permutando a súa co coruñés Román Nvarro, que daquela era profesor alá, pero desexaba volver á Coruña.
O único testemuño gráfico que se conserva da estancia dos Ruiz Picasso na Coruña é unha fotografía de Lola feita entre 1891 e 1892 por José Sellier —por outra parte, pioneiro do cine español—.
Picasso non volvería á Coruña, pero a cidade permanecería sempre no seu recordo. Moitos anos despois, gardaba postais con vistas da cidade e sempre conservou algunhas das pinturas infantís que fixera, como unha vista do monte de Santa Margarita, A rapaza dos pés descalzos ou O home da gorra, que poden verse na exposición.